capa a luz que creba a noiteAlén das fronteiras do Muro a escuridade medra acubillada nun inverno implacable. A Besta agóchase ladina agardando a súa quenda de comezar a arrasar a vida, namentres a desesperación, a desconfianza e un horror profundo comeza a lañar os espíritos dos guerreiros máis denodados.

Balso caeu, del non se sabe máis que foi engulido por unha escuridade famenta.

Graguel, o Custodio do Saber Antigo, partiu cara ao sur na compaña de Príamo, rei de Teno, e do valeroso gadeón Terán na incerta procura de forxar unha alianza por milenios esquecida.

Atir, a afouta guerreira da Fraga Insondábel, atravesou a derradeira fronteira do norte na compaña de ardénligos, baranos, mestos e ódalos, nun desesperado intento de minguar o poder da Besta antes de que a súa maldade torne invencible.

Airem, princesa de Asgra, atravesa Alianza de sur a norte cunha longa e tenebrosa sombra atoldando o seu corazón aterrecido.

Namentres Barondor, o traidor de Helémodo, axexa con ollos carniceiros a chegada das patéticas forzas dos homes, relambéndose de pracer ao ventar no seu maxín perverso o olor do sangue inminente.

A batalla decisiva achégase. Luz contra escuridade. É a hora de loitar, é a hora de sangrar, é a hora de morrer… para que a vida poida vivir.

 

 

 

—Tres fillos pariu a Noite Eterna —comezou a relatar Graguel, non houbo preámbulos na súa explicación—. Ao primeiro chamoulle Ordod, Señor dos Ceos, porque tiña un ollo azul e outro negro. A el foille encargada a construción e o sustento da bóveda celeste, da noite estrelada, do vento e da chuvia, e de todo aquilo que no firmamento nacese ou prosperase.

Un estraño movemento nas lapas daquel branco lume turrou da mirada de Balso. O augur fixou a vista na fogueira, era como se unha forza invisíbel o obrigase a ollar a branca luminosidade da cacharela. Subitamente as lapas danzaron como enfebrecidas e nelas comezaron a formase nítidas imaxes. Ao primeiro foron as siluetas duns dedos estricándose e o perfil dunha face temíbel, mais logo as chamas debuxaron paxaros e nubes, e galaxias, e chuvia, e o bosquexo dun home xigantesco que batía as súas alas para facer nacer o vento.

—Ao segundo chamoulle Oriel, Señor da Terra, porque tiña o corpo adobiado coa cor da pel de tódalas razas. A el foille encargado facer medrar a herba e manter o deserto inhóspito, esculpir as abas dos montes e aplanar as fértiles chairas.

Nas lapas debuxáronse montañas e vales, e cervos, e lobos, e árbores, e desertos desolados. A colosal figura daquel ao que o ardénligo chamara Oriel formouse no lume, cos pés como raíces inmensas afundidas sobre un cordal de montes e unha enorme cornamenta de alce abrollando da súa fronte rexa como un farallón.

—Á terceira, que naceu femia, chamoulle Edabar, Señora das Augas, porque tiña o cabelo verde e salgado como as algas que no mar aboian. A ela foille encomendado vixiar a marea e facer acougar ás ondas, parir os cardumes de peixes e ateigar os abismos do Infindo Azul de monstros mariños.

Na fogueira formouse entón a figura de Edabar parindo peixes, co seu corpo cuberto de escamas e o seu cabelo feito de argazo, e baleas sucando a escuma, e caranguexos, e sereas, e monstros mariños enroscando as súas colas de serpe no ondear embravecido do océano.

Graguel calou e as lapas acougaron. O Custodio recolleu unha estela fina e alongada do chan e arrimouna ás abrancazadas lapas. Cando o cabo da madeira prendeu levouno á campá da pipa e deulle lume ás herbas resecas. A súa faciana iluminouse coa cor do fogo á vez que expulsaba unha bafarada de fume ao fresco aire do outono.

—Logo de parir a Edabar a Noite Eterna pensou que acabara co seu traballo e, contemplando a obra dos seus rebentos, deixouse levar pola barca dos soños. Durante lentas e incontábeis eras permaneceu durmida, tanto tempo que ata seus fillos esquecéronse de que ela existía. Mais un día espreguizouse do seu sono e contemplou de novo o universo —Graguel aspirou unha longa bocalada de fume e logo continuou—. Nada mudara naquel tempo inmenso, todo permanecía igual, exactamente igual a como o deixara antes do seu descanso. A Noite Eterna comprendeu que, a pesares de que os seus tres fillos construíran un universo fermoso, esa creación era insuficiente para arrincala do profundo tedio no que se afundían as súas ansias. Entón decidiu parir a un cuarto fillo coa intención de encomendarlle velar porque nada permanecese inmutábel. A ese cuarto agromo chamoulle Orrab, Señor da Morte, porque carecía de carne no corpo e todo el estaba feito de ósos e pelexo.

As lapas mexéronse violentas. Da fogueira agromou a tétrica figura do escuálido Orrab montado sobre un fantasmal cabalo de grandes cornos. O équido expulsaba unha bafarada de espeso fume pola boca mentres cabalgaba entolecido sobre unha chaira cuberta de esqueletos.

—A Orrab encomendoulle que nada fose eterno agás ela e, para iso, concedeulle o poder de dispensar a morte e de facer xirar a roda do tempo —Graguel escrutou os ollos de Balso brevemente antes de seguir co seu relato—. Ao primeiro Orrab acatou dilixente as ordes da súa nai e tivo conta de que nada fose eterno. A vida nacía e morría baixo o antolladizo segar da súa fouce de lume escuro. Mais un día Orrab detivo o seu cabalo nun outeiro e dexergou aos seus irmáns deitados sobre un val de herba orballada. Sentiu entón celos deles porque, ao ter feitas as súas encomendas, folgaban todo o día namentres que el tiña que encargarse de cumprir cunha obriga que endexamais remataba. Así que foi queixarse daquela inxustiza amargamente perante a súa nai e esta, conmovida polos seus lamentos, concedeulle a facultade de nomear un executor que, no seu nome, levase a termo o traballo de acabar coa vida.

—E creouno a El! —exclamou Balso nervioso, á vez que sentía o seu corazón encollerse cunha lacerante congoxa— El é o executor!

Graguel aspirou o espeso fume da súa pipa namentres asentía cunha suave inclinación de cabeza. De socato as lapas de branco lume mexéronse con violencia e delas xurdiu a estarrecedora figura de Aquel que Mora na Fenda. O augur abriu os ollos inmensamente e apertou con forza o puño da súa espada barana. A Besta inclinouse sobre el e o lume que lle daba forma envolveuno. O augur quixo reaccionar, quixo brandir a arma para se defender mais ficou paralizado polo medo. Subitamente as lapas encolléronse e a fogueira volveu ás súas proporcións normais. Balso levou a man ao cabelo, misteriosamente non ardía.

 

Tags:

O Morador da Fenda, Volume I da triloxía fantástica Os Abismos
da Noite Eterna, de Roberto A. Rodrigues. Unha vibrante historia de maxia,
valor, honra e amizade. Unha loita sanguenta contra a implacable maldade que
ameaza a Terra Coñecida. Unha viaxe desesperada na procura da redención última
das razas que habitan o mundo.

O mozo Balso vive nunha remota vila do sur das Terras de Alianza. É a súa unha existencia
desgraciada. Orfo de nacemento, cando cumpriu cinco anos foi arroxado á vida
nas rúas. Pobre e sen ninguén que lle ofreza axuda está condenado a subsistir suplicando
esmola ou vendendo auga aos vilegos, a malvivir na máis absoluta das soidades.
Pero pronto o seu destino cambiará. Balso descubrirá que a súa non é unha
natureza normal e que precisamente por esa natureza extraordinaria o máis
carniceiro dos inimigos da vida, O Morador da Fenda, degoxará acabar coa súa existencia
canto antes. A firme crenza de Balso de que é un ser condenado á soidade e á
exclusión ha trocar de senso nun só capelexar. Alguén ven xa na súa procura,
alguén poderoso, alguén que coñece o verdadeiro significado dos acontecementos
que a piques están de arremeter contra a vida.

Nesta primeira parte da historia Roberto A. Rodrigues nos conducirá por fragas,
chairas, desertos, castelos, na procura dun mítico e poderoso ser, dun ser que
responde ao nome de Graguel, O Custodio do Saber Antigo. Reis, servos e homes das
terras ceibes iniciarán unha descomunal e funesta loita contra o tempo cunha
soa e sinxela angueira, defender á liberdade do implacábel e sanguinario
sadismo do Morador da Fenda.

“Nos primeiros anos da fundación do Reino de Teno o estado sufriu unha
transformación radical Os ténidos, ansiosos de esquecer as miserias da guerra e de comezar
unha época de paz e de prosperidade, foron espallándose dende a nacente
capital, Abún Édila, ata os lugares máis recónditos do territorio. Cos corazóns
cheos de esperanza fundaron numerosas poboacións onde comezar unha nova
existencia lonxe das armas e do sangue derramado…”

 

Capítulo I (descarga)

             

O Morador da Fenda. Book trailer